Rosendo Fernández destacou que este evento, que aglutina deporte e natureza, converteuse nun “referente deportivo e nunha excelente oportunidade para promocionar o noso patrimonio natural”.
A proba, que conta co apoio da Deputación de Ourense, disputarase o 3 de setembro, ofrecendo aos participantes un percorrido de 42 km que transitará polos sendeiros e camiños reais dos montes de diferentes localidades.
Este ano crearanse os Premios do Deporte Ovala2 para enxalzar os méritos deportivos da veciñanza da Merca, que conta con grandes deportistas en diferentes disciplinas.
O evento deportivo de ciclismo de montaña, organizado pola asociación deportiva Ovala2, será a primeira ruta do I Desafío BTT Terras de Ourense 2023 que potenciará, xunto con outras rutas, o turismo deportivo na provincia.
A XI edición do Roteiro BTT Parroira Bike da Merca que se disputará o vindeiro domingo, 3 de setembro, consolídase no calendario autonómico de ciclismo de montaña. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial delegado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, o presidente e secretario da asociación Ovala2, Alberto Taín Fernández e José Ribo Touza, respectivamente; e o 2º tenente de alcalde do Concello de A Merca, José Manuel Taín Fernández; e en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta en Ourense, Carlos Bericart.
Rosendo Fernández destacou que este evento, que aglutina deporte e natureza, converteuse nun “referente deportivo e nunha excelente oportunidade para promocionar o noso patrimonio natural”. O deputado provincial lembrou que este tipo de iniciativa encaixa na aposta que fai a Deputación de Ourense por “promover un ecosistema deportivo que contribúa a promocionar os recursos naturais, paisaxísticos e patrimoniais do noso territorio a través do deporte, sendo unha ferramenta fundamental para dinamizar o noso rural”.
A proba, que conta co apoio da Deputación de Ourense, ofrece aos participantes un percorrido de 42 km e un acumulado de 1250 metros positivos, cunha dificultada media-alta, pasando polos sendeiros e camiños reais dos montes de A Merca, A Mezquita, Proente, Rubillós, Entrambosríos, Olás, Zarracós, A Parroira, Covas, Cabanas de Loureiro; polo Camiño Real do Concello da Bola, por Sampaio (Celanova) e pola poboación de Tain (Allariz); con paso polos miradoiros da Peneda da Lebre, San Marcos, e da Airiña da Lera, tendo como testemuña o río Arnoia.
Nesta edición, crearanse os Premios do Deporte Ovala2 para enxalzar os méritos deportivos da veciñanza da Merca, que conta con grandes deportistas en diferentes disciplinas. Ademais, o XI Roteiro BTT Parroira Bike será a primeira ruta do I Desafío BTT Terras de Ourense 2023 que xunto con outras probas, potenciará o turismo deportivo na provincia a través do ciclismo animando aos afeccionados do BTT a coñecer diferentes localidades, levando un pequeno agasallo por participar nas 4 rutas que conforman este “Desafío”.