O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, recibe na Deputación a unha delegación da Federación Chinesa de Wushu

O grupo está integrado por dous directivos e 12 Mestres do máis alto nivel mundial, que se atopan na provincia para impartir seminarios de tecnificación de diferentes modalidades deste deporte nacional de China.

O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, recibiu esta mañá no Salón de Plenos da Deputación a unha delegación de deportistas da Federación Chinesa de Wushu.

César Fernández agradeceu aos membros da delegación chinesa a súa visita, “é unha honra para esta institución recibir a unha delegación formada por campións das súas respectivas disciplinas e modalidades de wushu”. Tras explicarlles o funcionamento do goberno provincial, sinalou que “a palabra máxica que define o papel da Deputación cos concellos, entidades e asociacións de todo tipo, incluídas as deportivas, é a cooperación”.

O grupo está integrado por dous directivos e 12 mestres do máis alto nivel mundial, que se atopan na provincia para impartir seminarios de tecnificación de diferentes modalidades deste deporte nacional de China.

A expedición realizará talleres de wushu desde mañá xoves ata o domingo na instalación do Pazo Paco Paz e realizarán unha exhibición mañá día 14 como peche da Gala do Deporte das Escolas Deportivas no propio recinto do Paco Paz.