O Pazo dos Deportes “Paco Paz” acolle o Campionato Galego de Kickboxing 2017

Na proba de Light Contact (Contacto Controlado) que se celebrará o vindeiro sábado, 1 de abril, participarán máis de 40 clubs de toda Galicia.

O Pazo dos Deportes “Paco Paz” da Deputación de Ourense acollerá o vindeiro sábado, 1 de abril, o Campionato Galego de Kickboxing 2017, na proba de Light Contact (Contacto Controlado), na que participarán máis de 250 púxiles chegados de máis de 40 clubs de toda Galicia, con representación das catro provincias, un evento no que colabora a Deputación de Ourense e cuxa presentación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o presidente da Federación Deportiva Galega de Kickboxing, Serafín Mayo; o presidente da Fundación Cipri Gomes (club organizador), Cipriano Gomes; e o delegado provincial da Secretaría Xeral para o Deporte, Mario Guede.

A entrada a esta proba deportiva é gratuíta e nela participarán deportistas de idades comprendidas entre os 8 e os 40 anos, nas diferentes categorías.