O Pazo dos Deportes acolle un simulacro de evacuación de emerxencia

Rosendo Fernández asistiu a esta actividade que organiza a Deputación de Ourense no marco da 14ª edición de Previsel.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, asistiu hoxe ao simulacro de evacuación de emerxencia no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, organizado pola Deputación de Ourense, dentro das actividades da 14ª edición de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral que organiza Expourense. A Deputación de Ourense participou cun exercicio que consistiu na simulación dunha emerxencia durante un partido de baloncesto, no que os asistentes recibiron a través da megafonía aviso dunha emerxencia xeral que os obrigaba a abandonar o recinto. No simulacro colaboraron: o persoal do Pazo dos Deportes, os bombeiros do Concello de Ourense, a Policía Local, a Policía Nacional e Protección Civil.

Previsel 2019, que se celebra os días 24 e 25 de abril, conta cun espazo para a formación especializada en seguridade e prevención laboral impartida por expertos na materia. A disposición do público existen dúas áreas: exposición e xornadas técnicas, coa presenza de preto de trinta expositores galegos, así como asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias. O programa desta edición ten como obxectivo crear conciencia sobre a necesidade de capacitación no campo da seguridade e a prevención de riscos ou enfermidades.