O parque náutico de Castrelo de Miño reúne a 165 piragüistas na III Regata da Liga Provincial

O Parque náutico de Castrelo de Miño reunirá o domingo, día 18, a un total de 165 palistas de cinco clubs ourensáns na III Regata da Liga Provincial de piragüismo, incluída na Copa Deputación, onde competirán as categorías que van desde prebenxamín ata cadetes. A cita deportiva foi presentada esta mañá no Pazo Provincial polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; os alcaldes de Castrelo de Miño e Avión, Avelino Pazos e Antonio Montero; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente e delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea e José Manuel Fernández; e o presidente do Club Fluvial Avión-Castrelo de Miño, Pedro Andrés García, entidade que leva doce anos organizando esta proba.

Os 165 piragüistas que participarán na competición pertencen ao Club Fluvial de Allariz, con 29 palistas; á Escola Municipal Ourensana, con 28; Club Fluvial O Barco, con 17; o Club Fontefría de Muíños con 12; e o Club Fluvial Avión-Castrelo de Miño, que aporta o maior número de participantes de 79 deportistas. A competición, terceira das seis regatas que integran a liga provincial, comezará ás 11.00 horas coas probas nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín nun percorrido de 1.000 metros. Os palistas infantís farán unha regata de 2.000 metros e para os cadetes o percorrido será de 4.000. Tamén haberá regatas nas categorías xuvenil e máster, aínda que nesta xornada non entrarán na competición.