O Paco Paz reúne dende este xoves a 1.200 ximnastas no XI Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal

A cita de ximnasia rítmica, organizada polo Club Marusia e a Deputación de Ourense, celebrarase ata o vindeiro domingo 9 de abril.

O pavillón de deportes Paco Paz reunirá desde este xoves, día 6 de abril, e ata o domingo 9 a 1.200 deportistas que participarán no XI Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal de ximnasia rítmica, organizado polo Club Marusia e a Deputación de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia.

Os detalles desta cita foron presentados esta mañá no Pazo Provincial nun acto no que participaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o asesor de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; a presidenta do Club Marusia, Pilar Vázquez; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; e Javier Rodríguez, xerente de Bellourens -patrocinador máis antigo do evento-.

A cita contará coa presenza das mencionadas 1.200 ximnastas e 130 técnicos, procedentes de 82 clubes de 7 países diferentes: España, Portugal, Arxentina, Italia, Xeorxia, Armenia e Ucraína.

As probas do X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal de ximnasia rítmica comezarán o xoves, día 6, co arranque da competición de conxuntos escolares, conxuntos promoción e individual promoción en categoría alevín, benxamín, prebenxamín, infantil, cadete e xuvenil. O venres 7 será a quenda para conxuntos prebase, individual prebase, individual masculino e individual base. Na xornada do sábado celebraranse as competicións de individual absoluto en categoría benxamín, alevín, infantil, junior, senior; e xa o domingo celebraranse, en conxuntos, a copa base e as finais.

Máis información en www.clubmarusia.com