Coa celebración da III edición do Torneo Internacional Ourensanía-Concello de Cartelle, que reunirá a catro equipos: o Cidade das Burgas FS, o Ourense Ontime C.F., o SL Benfica e o Futsi Atlético Navalcarnero.
O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado provincial de Deporte destacou que é “o día idóneo para presentar este evento, logo de que onte a Selección de Fútbol Feminina se proclamara gañadora do Mundial”.
O municipio de Cartelle acollerá esta fin de semana a III edición do Torneo Internacional Ourensanía-Concello de Cartelle de fútbol sala feminino. O evento, que potencia o deporte feminino de alta competición, celebrarase os días 26 e 27 de agosto no pavillón Piño Vilachá, en Outomuro. A presentación deste torneo tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado provincial de Deporte, César Fernández; o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa; o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira da Xunta e da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Manuel Pardo; e o organizador do torneo; José Ángel Baliñas.
César Fernández destacou que é “o día idóneo para presentar este evento, logo de que onte a Selección de Fútbol Feminina se proclamara gañadora do Mundial”, e asegurou que desde a Deputación de Ourense “apostamos, un ano máis, pola colaboración con este torneo que se está a converter nun clásico desta época estival que sempre logra ser un éxito congregando a moitas persoas en Cartelle ese fin de semana”. Así mesmo, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense dixo que as institucións deben continuar a apostar pos este tipo de eventos dado “o gran papel dinamizador” que teñen as actividades culturais e deportivas nos territorios.
Na presentación tamén estiveron xogadoras dos dous clubs ourensáns participantes no torneo, así como un dos principais patrocinadores da competición, o xerente de Grupo Celanova Motor e J. Varela, Daniel Varela.
III Torneo Internacional Ourensanía – Concello de Cartelle
No torneo daranse cita os seguintes equipos: Cidade das Burgas, Ourense Ontime C.F., -sendo a primeira edición na que participan os dous equipos máis representativos da cidade-, o SL Benfica, e o Futsi Atlético Navalcarnero. A competición comezará o sábado, 26 de agosto, ás 17.00 horas, co primeiro partido entre o Cidade das Burgas FS e o Futsi Atlético Navalcarnero, e ás 20.30 horas será a quenda para o Ourense C.F. e o SL Benfica. O domingo, 27 de agosto, celebrarase ás 16.00 horas o partido no que se decidirá o terceiro e cuarto posto do torneo, e ás 19.30 horas será a gran final.