O IV Trail Ribeira Sacra reúne a 500 deportistas que disputarán probas de 24 e 47 quilómetros

Un total de 500 deportistas de 13 comunidades autónomas e de Portugal participarán o vindeiro 13 de outubro no IV Trail Ribeira Sacra, co que colabora a Deputación de Ourense, unha proba cronometrada e competitiva das máis atractivas do calendario deste deporte, que se disputa no corazón da Ribeira Sacra, no Concello de Nogueira de Ramuín, “unindo patrimonio histórico, natureza e deporte nunha excelente maridaxe”, explicou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, na presentación do evento, que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial. Neste sentido, o alcalde de Nogueira salientou “a importancia da colaboración público-privada, que contribúe ao éxito desta proba” e agradeceu o traballo que desenvolven os voluntarios “cooperando para que o evento siga crecendo ano a ano en calidade e excelencia”.

Por parte de La Región, o seu director de Publicidade, José Alfaro, felicitou á Deputación de Ourense, ao Concello de Nogueira e ao grupo Cuevas “por unir esforzos ao redor do deporte e de iniciativas que fan provincia” e afirmou que La Región, “a través do suplemento +Deporte, “seguirá apoiando e estando ao carón para difundir este evento”.

Pola súa banda, o presidente do Club Grupo Cuevas Nogueira Trail, Diego Novelle, explicou os detalles da proba, que consta de dous percorridos, de 24 e 47 quilómetros, polos montes do concello e pola contorna da Ribeira Sacra, “ofrecendo unhas fermosas paisaxes que supoñen para os participantes unha experiencia única”.

A proba comeza ás 8.00 horas (a de 47 quilómetros) e ás 10.00 horas (a de 24 quilómetros) e ao seu remate, a partires das 14.00 horas, terá lugar a entrega de premios e unha degustación de produtos típicos. Previamente, o sábado 12 de outubro, celebrarase no mosteiro de Santo Estevo unha xornada na que terá lugar unha charla-coloquio sobre “Pasado, presente e futuro do trail” e, de seguido, a charla técnica da proba.