O evento deportivo, organizado polo Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, disputarase o vindeiro domingo, 13 de xuño.
Os cicloturistas coñecerán a riqueza natural e paisaxística dos concellos ourensáns de Entrimo, Lobeira, Bande, Calvos de Randín, Muíños e Lobios, cruzando a fronteira de Portugal para pasar pola fermosa vila de Tourem.
A presentación do evento tivo lugar hoxe, no Santuario do Viso en Lobeira, acto no que Rosendo Fernández asegurou que é “unha oportunidade única para gozar, a través do deporte, do Parque Natural Xurés-Geres, polo que a beleza e o encanto do percorrido están garantidos”.
A proba cicloturista “Ourense Strade Termal” que este ano chega a súa cuarta edición, reunirá o vindeiro domingo, 13 de xuño, a preto de 400 inscritos cumprindo todas as medidas sanitarias previstas pola Federación Galega de Ciclismo. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no miradoiro situado no Santuario do Viso en Lobeira, acto no que participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; os alcaldes de Lobeira, Bande, Entrimo, Lobios, Muíños; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; a xefa de Ventas de TAR Ourense; Susana Hermida; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.
A Ourense Strade Termal está organizada polo Inorde, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, froito dun convenio de colaboración entre ambas administracións que permite “desestacionalizar a oferta turística e promocionar o noso potencial turístico a través do deporte, así como revalorizar os recursos turísticos ourensáns influíndo positivamente no desenvolvemento económico e social sostible da provincia”, salientou Rosendo Fernández.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Ourense sinalou que, na súa aposta por fomentar Galicia como un destino turístico de calidade, a Xunta asinou un convenio co Inorde, para apoiar actividades relacionadas coa promoción e a dinamización turística na provincia de Ourense.
Os preto de 400 cicloturistas anotados na proba poderán coñecer, grazas ao cambio de percorrido, a riqueza natural e paisaxística dos concellos ourensáns de Entrimo, Lobeira, Bande e Calvos de Randín, que se unen por primeira vez a este evento, xunto aos concellos que xa forman parte da historia da proba e que son o concello de Muíños, que concentra a maioría dos tramos de Sterrato presentes nesta proba de carácter nacional, e Lobios que acolle a saída e a chegada da proba. Este ano ademais pasará a fronteira de Portugal pola fermosa vila de Tourem, onde os participantes poderán degustar os famosos pasteis de nata, un símbolo que se repite cada ano na “Ourense Strade Termal” grazas á Cámara Municipal de Montalegre.
A Ourense Strade Termal, primeira proba que se celebra dentro do convenio do Inorde e Axencia de Turismo de Galicia, é unha oportunidade “para gozar, a través do deporte, do Parque Natural Xurés-Geres, polo que a beleza e o encanto do percorrido están garantidos”, dixo Rosendo Fernández. Neste mesmo sentido, Gabriel Alén louvou as terras da Baixa Limia como “un exemplo de significación da paisaxe que posúe a notoriedade dos recursos endóxenos como unha posible lanzadeira do sector económico e do desenvolvemento sostible”.
A proba, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, conta con dous percorridos: un gran fondo de 132 quilómetros e 1800 metros de desnivel e outro de medio fondo de 89 quilómetros e case 1500 metros de desnivel que farán desta edición unha das máis duras dos últimos anos. En total serán máis de 7 quilómetros de sterrato distribuídos en 4 tramos diferentes que farán aínda máis duro un percorrido sen apenas un metro de descanso.
Outro dos aspectos a destacar nesta edición será a presenza do exciclista, podium en Tour de Francia e La Vuelta España, Fernando Escartín, que participará como padriño da proba lucindo o dorsal número 1 na súa bicicleta e completando o percorrido Gran Fondo polo Xurés.
Ao remate, como cada edición, tódolos deportistas poderán gozar dunha comida no hotel balneario Caldaria de Lobios.