O II Torneo Internacional Feminino Cidade de Ourense reúne co apoio da Deputación a destacadas tenistas da clasificación mundial

A fase final da competición presentouse esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández: “Un torneo froito da colaboración público-privada, que permite que os obxectivos se alcancen de forma máis eficiente”.

Ata o domingo día 21 no Club Santo Domingo danse cita tenistas procedentes de vinte países e catro continentes, entre elas Arantxa Rus, procedente dos Países Baixos e que ocupa o posto 77 no ranking mundial; e a pontevedresa Jéssica Bouzas, a punto de entrar entre as 300 mellores xogadoras do mundo.

O Club Santo Domingo acolle ata o próximo domingo, día 21, o II Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Ourense, que co apoio da Deputación reúne a destacadas deportistas da clasificación mundial, procedentes dunha vintena de países. A competición, que hoxe entra na súa fase final, foi presentada esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, acompañado polo presidente da Federación Galega de Tenis como entidade organizadora, Xosé Mosquera, e o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez.

O apartado deportivo estivo representado polo director do torneo, Pablo Mosquera, e por dúas das tenistas máis importantes que participan nesta edición do Cidade de Ourense: Arantxa Rus, procedente dos Países Baixos e que ocupa o posto 77 no ranking mundial; e a pontevedresa Jéssica Bouzas, a punto de entrar entre as 300 mellores xogadoras do mundo. Con eles tamén asistiron á presentación o presidente e membro da directiva do Club Santo Domingo, Luis González e Alfonso Junco.

“O deporte segue vivo no verán”, dixo Rosendo Fernández, e boa mostra delo “é este torneo internacional froito da colaboración público-privada, coa unión da Deputación, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, ademais de vinte empresas, que permite que os obxectivos se alcancen de forma máis eficiente”.

“O torneo non sería posible sen esa cooperación”, subliñou Xosé Mosquera a xeito de agradecemento, incluíndo ao Club Santo Domingo pola cesión das súas instalacións, “que teñen as condicións requiridas pola federación internacional para estas competicións”. Para Manuel Pérez, entre tanto, “é todo un orgullo que haxa outra vez en Ourense deporte de alto nivel e poidamos asistir a unha semana de espectáculo nunha disciplina moi competitiva”.

Puntuable para a clasificación mundial

Para Pablo Mosquera, logo da proxección alcanzada na primeira edición “este ano temos grandes realidades coa presenza de xogadoras do “Top 100” procedentes de vinte países de catro continentes”. Puntuable para a clasificación mundial feminina, o torneo conta ademais coa participación de once xuíces de pista, tres deles internacionais. Unha gran oportunidade “para volver xogar en casa”, valorou a galega Jéssica Bouzas, e a primeira visita a Ourense “disposta a buscar a vitoria”, afirmou Arantxa Rus.