O Hard Enduro da Peroxa reunirá este fin de semana a 120 pilotos nunha proba puntuable para o Campionato de España

A Peroxa acolle este fin de semana, o sábado 15 e o domingo 16 de abril, unha proba de Hard Enduro que contará coa participación de 120 pilotos. A cita é a cuarta proba do Campionato de España desta modalidade deportiva -e valedoira para o Campionato Galego- e está organizada polo Moto Club A Peroxa e a colaboración pública da Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e Concello da Peroxa.

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, presentou esta mañá a proba na sala de prensa do Pazo Provincial acompañado polo xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o concelleiro da Peroxa José Manuel Rodríguez; e o presidente e directivo do Moto Club A Peroxa, José Manuel Quintas e Bruno Estévez.

Dende a organización resaltan o alto nivel de participantes da proba, “con tres dos mellores pilotos do mundo de hard enduro como son Teodor Kabachiev, Mario Román e Alfredo Gómez”, e tamén destacan a presenza de dúas mulleres: Sandra Gómez e Andrea Vallejo.

Ademais, explican, esta proba será a primeira de hard enduro que se retransmitirá por streaming en España, a través da canle de Youtube da Real Federación Motociclista Española.