O xurado do premio, reunido hoxe no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, ditaminou concederlle o galardón a este deportista ourensán, un dos que acadou máis altas cotas de recoñecemento na historia do fútbol español.
Asemade, o xurado determinou declarar 2018 ano de Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey”, coincidindo co 30 cabodano do seu falecemento.
A entrega do premio Ourensanía terá lugar o vindeiro 11 de novembro, día de San Martiño, no Teatro Principal de Ourense.
O futbolista ourensán Miguel Ángel González Suárez vén de ser recoñecido co VII Premio “Ourensanía”, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. O xurado do premio, reunido hoxe no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, ditaminou concederlle o galardón a Miguel Ángel, o lenxendario porteiro do Real Madrid entre 1968 e 1986, “por ser un dos deportistas ourensáns que máis altas cotas de recoñecemento acadou como compoñente dalgunhas das formacións madridistas que forman parte da historia do fútbol español, chegando a participar como porteiro titular da Selección Española no campionato mundial de fútbol de Arxentina de 1978”, recolle a acta do xurado.
“Natural do barrio do Couto, onde tiveron lugar os seus primeiros pasos no mundo do fútbol de base, Miguel Ángel ten sido, se cadra, o deportista ourensán que máis altas cotas de recoñecemento ten acadado no ámbito internacional, recoñecementos que, sen embargo, nunca lle fixeron esquecer as súas raíces ourensáns, que aínda hoxe reivindica dentro e fóra de Ourense”, destaca o xurado.
Con este galardón o xurado quere destacar, ademais, a súa humildade e a súa bonhomía, que reflicte de forma cotiá no seu contacto co fútbol base ourensán, “razón pola que no seu momento xa lle foi imposto o seu nome ao campo de fútbol do pavillón dos Remedios”.
Por outra banda, a acta sinala que, continuando coa liña iniciada o ano pasado, “de saír ao rescate de determinadas figuras senlleiras da ourensanía que xa non están connosco e que, sen embargo, son merecentes de seren devoltas á actualidade por mor do legado social ou cultural que nos deixaron, o xurado da Ourensanía tomou a decisión de declarar o ano 2018, ano de Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” (1896-1988), coincidindo co 30 cabodano do seu falecemento”.
“Mestre e etnógrafo de referencia para moitos profesionais do ámbito da pedagoxía e da antropoloxía, o seu obrigado desterro en Madrid converteuno nun verdadeiro embaixador da cultura galega na capital, onde serviu ademais de faro intelectual para moitos mozos que espertaron ao galeguismo ao seu carón naquela cidade”, sinala o xurado.
A entrega do premio Ourensanía 2017 terá lugar no Teatro Principal de Ourense o día 11 de novembro, por ser o día de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da Ourensanía. No transcurso deste acto, o presidente da Deputación provincial de Ourense entregaralle ó premiado unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da acta.