O “Desafío 42 Ourense Termal” disputarase nos concellos da Rúa, O Barco e A Veiga

A carreira, que chega a súa quinta edición, correrase en tres etapas de 21, 15 e 6 quilómetros os días 19 e 20 de maio.

A quinta edición da carreira “Desafío 42 Ourense Termal”, organizada por Qualité Sport Events en colaboración coa Deputación de Ourense e os concellos da Rúa, O Barco e A Veiga, municipios polos que discorrerán as probas, disputarase entre días 19 e 20 de maio. Os participantes percorrerán un total de 42 quilómetros en tres carreiras (que se poden disputar independentemente cada unha das outras sen ter a obriga de correlas todas, e de xeito individual ou en grupo), comezando o día 19, ás 12.30 horas na Veiga, cunha carreira de 6 quilómetros, e posteriormente, ás 20.30 horas no Barco de Valdeorras, onde se disputará unha carreira nocturna de 15 quilómetros de percorrido. Ao día seguinte, 20 de maio, ás 10.30 horas, na Rúa, terá lugar a proba máis longa, unha media maratón (21 quilómetros), co que rematará esta edición do “Desafío 42 Ourense Termal”. Previamente, a esta última proba, ás 10.00 horas disputaranse tamén na Rúa un total de cinco carreiras para nenos. Tanto na proba da media maratón da Rúa como nos 15 quilómetros nocturnos do Barco estableceranse avituallamentos nos percorridos.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o organizador, Serafín Martínez; os alcaldes da Rúa e da Veiga, e o concelleiro de Deportes do Barco. Rosendo Fernández dixo que este evento “promove, ademais do deporte do atletismo, a riqueza turística dos concellos polos que discorre e pon en valor o termalismo na nosa provincia”.

O prazo de inscrición remata o 16 de maio, e os deportistas poden inscribirse a través da páxina web: www.championchipnorte.com. Máis información en: www.desafio42.com.