O consello de administración de MEISA, Manzaneda Estación de Inverno, S.A., aprobou na súa reunión de hoxe, celebrada telemáticamente, o prego de condicións para a contratación da xestión integral das instalacións da estación de montaña. Na reunión, que contou desde o Pazo Provincial coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a secretaria do consello, Ángeles Cantón, a orde do día incluíu temas económicos e de xestión, entre os que figuraba a aprobación da licitación do contrato de servizos para a xestión integral das instalacións da estación. Dita xestión comprende as tarefas administrativas e as referidas á práctica de deportes de inverno, outros deportes, lecer e esparexemento, incluíndose así mesmo a explotación do servizo de restauración e aloxamento. O contrato terá unha duración de tres anos.
O anuncio de licitación publicarase no perfil de contratante de MEISA e as proposicións presentaranse no prazo de trinta e cinco días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de licitación do contrato no perfil de contratante, nas dependencias de MEISA.
O adxudicatario deberá cumprir, entre outras, coas seguintes condicións: manter as infraestruturas e equipamento de MEISA nas debidas condicións; dar continuidade á explotación das instalacións; ofertar, como mínimo, deportes de inverno para todas as idades, así como servizo de restauración, de actividades, de piscina e SPA e aloxamento; abonar os importes correspondentes aos gastos correntes das instalacións, así como os gastos de limpeza, conservación, reparación e mantemento; as instalacións da estación de montaña virarán baixo denominación comercial e rótulo nos que se incluirán a identificación do establecemento, “Estación de inverno Manzaneda”; manter actualizada a páxina web da que dispón MEISA, así como as redes sociais; presentar anualmente un plan de mantemento e conservación das instalacións; definir o contexto organizativo dos traballadores: organigrama, definición do posto de traballo, responsabilidades, competencias e distribución do tempo de traballo, e presentar o orzamento previsto para o ano natural.