O campión internacional Abraham Olano apadriña a primeira marcha de cicloturismo que percorrerá “o máxico escenario da Ribeira Sacra”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil ao ciclista vasco que mañá domingo participará como padriño na primeira edición da “Ribeira Sacra Cycling Road”, unha marcha de cicloturismo organizada polo Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia e na que 335 deportistas percorrerán sete concellos deste territorio.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil ao campión ciclista nacional e internacional Abraham Olano, que mañá domingo, día 12, participará como padriño na primeira edición da “Ribeira Sacra Cycling Road”, unha marcha de cicloturismo organizada polo Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia e na que 335 deportistas percorrerán sete concellos deste territorio, “nun escenario máxico onde a Deputación segue a impulsar ese ecosistema de turismo deportivo polo que tanto apostamos e que está a dar importantes froitos”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente provincial expresou a súa satisfacción “por contar para esta proba con toda unha lenda do ciclismo”, lembrando a súa traxectoria como corredor profesional, onde foi campión do mundo en ruta e contra o reloxo (1995 e 1998) sendo o primeiro ciclista masculino da historia en logralo, campión de España nestas dúas modalidades (1994 e 1998), medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Atlanta (1996), ganador de La Vuelta a España (1998) e conseguiu un cuarto posto no Tour de Francia (1997).

“Olano acompáñanos para promover as bondades desta modalidade e da práctica deportiva en xeral nun lugar perfecto para o ciclismo como a Ribeira Sacra, que xa coñeceu durante a súa etapa como director técnico de La Vuelta, pero ademais é todo un aliciente para que os máis de 300 deportistas inscritos gocen mañá domingo da compañía de todo un campión”, destacou o presidente provincial, sen esquecer que tamén estarán presentes destacados ciclistas ourensáns como o limiao Carlos Canal, que vén de participar na recente edición de La Vuelta, ou o allaricense Iván Feijoo, dobre campión de España Sub-23 de ciclocrós”.

O ciclista vasco, que tamén agradeceu a invitación como padriño desta proba, afirmou que “na Ribeira Sacra tendes un lugar idóneo para a práctica do ciclismo, sexa como afeccionado ou como profesional, neste último caso cun territorio moi axeitado para carreiras esixentes e de gran dureza”. “Un entorno envexable –dixo- que invito a coñecer a todo o mundo”.

A “Ribeira Sacra Cycling Road” discorrerá polos municipios de Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, permitindo aos participantes optar por tres posibles percorridos en función da súa preparación: gran fondo de 115 quilómetros e 2.700 metros de desnivel en ascenso; medio fondo de 100 quilómetros e 2.200; e mini fondo de 65 quilómetros con 1.400 metros de desnivel. A proba, de carácter non competitivo, comezará ás 9.30 horas con saída desde Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín.