O 7º Torneo Internacional Veteranos “Cidade de Ourense” de Balonmán homenaxea ao Club “Balonmano Pabellón” 86-87

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o vindeiro sábado, 22 de abril, no Pavillón Municipal “Os Remedios”.

O 7º Torneo Internacional Veteranos “Cidade de Ourense” de Balonmán homenaxeará ao Club “Balonmano Pabellón”, coincidindo co 30 aniversario en que se clasificou para disputar a fase de ascenso á 1ª División Nacional, antesala naqueles intres da División de Honra (máxima categoría do Balonmán a nivel estatal). O evento deportivo celebrarase o vindeiro sábado, 22 de abril, no Pavillón Municipal “Os Remedios”, desde as 10.00 ata as 18.00 horas. A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o presidente e o directivo da Asociación Amigos do Balonmán Ourense, José Manuel Brea e Javier Romero, respectivamente; o adestrador e os xogadores do Club “Balonmano Pabellón” 86/87, Eduardo Fortes, Manuel Álvarez e Alberto de Paula, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que volverá a xuntar aos compoñentes do equipo Club “Balonmano Pabellón” na tempada 86-87, nun evento deportivo no que participarán equipos procedentes de Asturias, Valladolid, Zamora e Portugal, explicou Bernardino González, quen salientou que é “de xustiza render homenaxe a un club que foi histórico cando o balonmán estaba en auxe en Ourense”. Nese mesmo senso, Eduardo Fortes lembrou a entrega e traballo dos seus compañeiros e xogadores naquela tempada.

O directivo da Asociación Amigos do Balonmán Ourense dixo que con esta sétima edición pode considerarse “un evento consolidado” no calendario deportivo da nosa provincia e, en canto ao desenvolvemento da proba, explicou que se estableceron “dous grupos de catro equipos. Pola mañá, xogarán todos contra todos e, pola tarde, haberá cruces entre os equipos para definir a clasificación do Torneo, aínda que iso non é o importante”. Asemade, Javier Romero lembrou que o balonmán é, actualmente, “un deporte minoritario, mentres que o de veteranos segue tendo moita actividade, posto que o balonmán de veteranos está moi implantado en todo o territorio nacional”.

Pola súa parte, José Manuel Brea agradeceu ás institucións “a axuda que prestan ao balonmán ourensán e ao deporte en xeral”. Mario Guede animou a todos os afeccionados do balonmán a achegarse este sábado ao Pavillón Municipal “Os Remedios” para gozar deste evento deportivo.