O 53º Rallye de Ourense, organizado en tempo récord, gánalle a carreira ao COVID-19

A proba, que se disputa esta fin de semana, contará con 90 participantes, 33 dos cales son pilotos da provincia de Ourense.

A presentación do histórico evento do mundo do motor tivo lugar hoxe, coa participación do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Jorge Pumar, e o presidente de Escudaría Ourense, Julio Bouzo.

Un mes para facer un traballo de todo un ano. Así se resume o labor desenvolvida polo equipo que dirixe Julio Bouzo, presidente de Escudaría Ourense, quen hoxe presentou na sala de prensa do Pazo Provincial, xunto ao vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o tenente alcalde do Concello de Ourense, Jorge Pumar, a 53ª edición do “Rallye de Ourense-Ourense Termal”, que se disputará a vindeira fin de semana e que volverá situar “a Ourense como a capital do automobilismo nacional”, destacou Rosendo Fernández.

Antes de comezar, a proba xa lle gañou a carreira ao COVID-19, pois o evento foi organizado, por primeira vez no seu medio século de historia en tempo récord: un mes. Así o explicou Julio Bouzo, quen agradeceu “o apoio dos dous principais patrocinadores do rallye, a Deputación e o Concello de Ourense, por estaren sempre aí, colaborando con esta proba deportiva que transcende o mundo do motor para ser un acontecemento social, turístico e deportivo de primeiro orde para a provincia de Ourense”.

A proba, que contará con 90 participantes, 33 dos cales son pilotos da provincia de Ourense, terá o seu centro operativo no Xardín do Posío, “e homenaxea este ano a toda unha lenda do Rallye de Ourense, José Ramón González”, lembrou Rosendo Fernández, quen fixo un chamamento aos afeccionados “para que entre todos poidamos gozar con seguridade e respectando as normativas de seguridade e sanitarias para que el Rallye de Ourense sexa, como acontece todos os anos, a gran festa do motor”.

Pola súa banda, Jorge Pumar, quixo destacar o labor que ao longo destes 53 anos “leva realizando a organización dun dos mellores rallyes de España”, salientado o que supón “ter organizado esta proba en a penas un mes”. Pumar dixo que o Concello de Ourense “está e seguirá estando con rallye”, e apelou, ademais da seguridade, “á sensibilidade medioambiental, para que entre todos respectemos a contorna, demos exemplo aos máis novos, e sigamos sentindo orgullo da sustentabilidade que caracteriza ao Rallye de Ourense”.

Julio Bouzo agradeceu ás forzas e corpos de seguridade, aos voluntarios e a todas as persoas implicadas na organización do rallye, “o labor que realizan”, así como o apoio á Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Ourense, e aos municipios de Barbadás, Toén, Amoeiro, Boborás, Castrelo de Miño, O Irixo, Maside e A Peroxa, pola súa cooperación, xunto a todos os patrocinadores.

A proba será puntuable para os campionatos e copas establecidos no Regulamento Deportivo do CERA 2020 e para a Copa Suzuki Swift 2020. Terá un percorrido de 425 quilómetros, con 8 tramos cronometrados (123 quilómetros). A entrega de premios celebrarase no Xardín do Posío, con trofeos para os tres primeiros clasificados, e tamén haberá distincións para os tres primeiros clasificados na Copa Suzuki, así como o trofeo “Eduardo Barreiros” para a primeira marca clasificada; o trofeo “Estanislao Reverter” para o primeiro clasificado con vehículo Grupo H, e o trofeo “José Luis Outeiriño” para o primeiro ourensán clasificado.