O “51º Rallye de Ourense” sitúa á provincia como protagonista do automobilismo nacional

Na presentación, que tivo lugar ao carón da Ponte Vella, Manuel Baltar destacou que a Deputación de Ourense seguirá apoiando este magnífico escaparate que une deporte, alta competición e natureza”.

A provincia de Ourense acollerá do 7 ao 9 de xuño a 51ª edición do “Rallye de Ourense – Ourense Termal”, a proba automobilística máis importantes no ámbito nacional, que foi presentada hoxe xunto á Ponte Vella da capital ourensá. A Deputación de Ourense, que achega este ano unha axuda económica de 51.000 euros para esta proba deportiva, estivo representada no acto polo titular do goberno provincial, Manuel Baltar, quen destacou que este evento “é o mellor organizado e pon a proba a nosa capacidade para poñer en marcha acontecementos deportivos de alto grao como é o Rallye de Ourense”. Baltar tivo tamén palabras de agradecemento para Escudaría Ourense “por facer de Ourense a capital do mundo do rallye durante eses tres días do mes de xuño, nos que Ourense será referente e escaparate de deporte, alta competición e natureza, para seguir amosándonos ao mundo, motivo polo cal a Deputación estivo, está e seguirá estando para apoialo”.

O presidente da Deputación tivo palabras de lembranzas para todas as persoas que ao longo de máis de medio século fixeron posible elevar ata a máxima calidade ao Rallye de Ourense, e neste sentido o presidente de Escudaría Ourense, Julio Bouzo, agradeceu a José Luis Outeiriño, “un dos fundadores da escudaría, quen leva apoiando sempre á mesma desde os seus inicios”, e tamén lembrou a figura do fotógrafo Gonzalo Belay, recentemente falecido.

No acto de presentación interviñeron tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; a secretaria xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Marta Míguez, e o presidente da Federación española de automobilismo, Manuel Aviñó, quen destacou o alto número de inscritos na proba, así como o labor dos equipos de seguridade e dos medios informativos para concienciar ao público sobre o respecto das normas “co obxectivo de poder gozar todos dunha das mellores probas automobilísticas”.

A organización do rallye contará con máis de 500 persoas que traballarán en temas de coordinación e seguridade, nun evento que supón un grande impacto económico para a provincia de Ourense. O rallye contará con tramos cronometrados na Peroxa, Toén, Castrelo de Miño, Esgos, Canón do Sil e Melias, e terá unha distancia total de percorrido de 506 quilómetros, con 10 tramos cronometrados (182,5 quilómetros) e 4 sectores, situándose os puntos de saída e chegada no Xardín do Posío, e de asistencia e verificacións en Expourense e no pazo dos deportes “Paco Paz”.

Entregaranse un total de 25 premios nas diferentes categorías da proba, nun acto que se celebrará no Xardín do Posío o 9 de xuño, ás 19.00 horas.