O 4º Rallymix converte á Gudiña na capital galega do automobilismo

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar os vindeiros días 3 e 4 de xuño.

Manuel Baltar destacou que se trata “dunha das probas máis importantes desta especialidade automobilística”, e subliñou “o importante número de participantes, a súa calidade e a grande resposta por parte do público”.

A cuarta edición do Rallymix da Gudiña converterá, un ano máis, a este municipio ourensá na capital galega do automobilismo os días 3 e 4 de xuño. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o director deportivo de HC Competición, Antonio Pérez; e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral.

Manuel Baltar sinalou que se trata dunha das probas “máis importantes desta especialidade automobilística, evento xa consolidado, que converte un ano máis á Gudiña na capital do automobilismo de Galicia”, e agradeceu o labor do Concello da Gudiña, da escudaría HC Competición e da Federación Galega de Automobilismo, destacando “a calidade e o importante número de participantes que se dan cita nesta proba deportiva de grande espectacularidade e cunha exitosa resposta por parte do público”.

Pola súa parte, Antonio Pérez, quen lembrou que se celebrará o segundo memorial de Guillermo Lago, impulsor desta proba, explicou que “o formato de saída e meta e o parque de traballo, todo concentrado, facilita o desenvolvemento da proba e resulta máis cómodo e vistoso para o público”. En canto ao percorrido, é “un treito de pouco máis de 11 quilómetros con zonas de motor, zonas técnicas de freado, e outras con trazados anchos”.

O director deportivo de HC Competición dixo que este ano, co obxectivo de acadar un retorno económico maior para o municipio, “decidimos celebrar a festa do motor, que contará cunha concentración de máis de 60 coches tuning, unha exhibición de brief, así como unha exposición de clásicos e clásicos-deportivos”.

Esta proba automobilística, que nesta edición conta xa con 38 inscritos, é “unha forma de atraer visitantes ao noso municipio e darlle un pulo ao turismo da contorna, concentrando durante eses días a moitas persoas co correspondente retorno económico que supón para A Gudiña”, dixo o alcalde do municipio.

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Automobilismo destacou a gran receptividade que ten este tipo de eventos do motor ao ser “un deporte de masas que move a afeccionados de Galicia, Asturias, Castela e León e do Norte de Portugal”.