O 38º Día da Bici, que se celebrará o 22 de setembro, volverá a converter a Ourense na grande festa familiar con milleiros de ciclistas nas rúas da cidade

Xa está aberto o prazo de inscrición para este evento popular que partirá ás 12.00 horas da Alameda e discorrerá por un circuíto de 11 quilómetros polas rúas de Ourense.

Esta cita co deporte da bicicleta vense celebrando desde 1984 (só interrompida en 2020 e 2021 por mor da pandemia de COVID) co apoio da Deputación e a organización da Fundación ADO Moure.

O promotor do evento, Carlos Moure, lembrou que este día serve para que “milleiros de cidadáns reclamen o respecto para os usuarios das bicicletas, e ao mesmo tempo os máis pequenos poidan gozar das rúas da cidade no único día do ano sen coches”.

O “Día da Bici”, que este ano cumpre 38 edicións, reunirá o próximo 22 de setembro a milleiros de afeccionados ao ciclismo nas rúas da capital, nunha das manifestacións deportivas e lúdicas con maior tradición e participación popular de todas as que se celebran na provincia.

Esta cita foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do director da Área de Deportes, Marcos Vázquez; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o promotor do evento, Carlos Moure; e os representantes de entidades patrocinadoras como La Región e Toyota.

Marcos Vázquez invitou a participar nunha xornada que permite “desfrutar da cidade desde unha perspectiva diferente”, engadindo Aníbal Pereira o “carácter lúdico que tamén demanda a cidadanía” no marco das actividades deportivas, mentres que Manuel Pereira destacou a importancia da colaboración entre administracións en apoio a estes eventos.

Carlos Moure lembrou que este día serve para que “milleiros de cidadáns reclamen o respecto para os usuarios das bicicletas, e ao mesmo tempo os máis pequenos poidan gozar das rúas da cidade no único día do ano sen coches”. Se nos seus inicios o “Día da Bici” pretendía como obxectivo fundamental fomentar o uso da bicicleta, esta actividade foi consolidándose como unha festa familiar dirixida de modo maioritario aos máis pequenos.

Circuíto por 15 rúas da cidade

Aberta a participación de todos os afeccionados -a inscrición só da acceso a unha bolsa promocional e ao sorteo de premios tralo remate da proba-, o circuíto principiará na Alameda ás 12.00 horas e rematará no mesmo punto tras percorrer 11 quilómetros polas rúas Marcelo Macias, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Diez e de novo Progreso.

A organización lembra a importancia dos consellos para unha correcta e segura circulación en bicicleta, como é o uso do casco, a posta a punto das bicicletas, o respecto aos demais participantes, a especial vixilancia aos máis pequenos, a sinalización das manobras e o respecto ás normas de circulación.