Na novena edición da Copa Deputación de Kickboxing participarán 16 clubs galegos

O evento deportivo terá lugar mañá sábado, 13 de maio, nas instalacións do pavillón municipal de Taboadela.

A novena edición da Copa Deputación de Kickboxing 2017 celebrarase mañá sábado, 13 de maio, nas instalacións do pavillón municipal de Taboadela. A presentación da proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o campión de Galicia de kickboxing, Rubén Batán; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Taboadela, Manuel Gallego e Jose Antonio Paz, respectivamente.

Juan Anta destacou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos que “promocionan o Kixkboxing e o deporte base” e que logran “unha alta participación de deportistas de gran nivel”. Pola súa parte, Manuel Gallego expresou a súa satisfacción por “ser Taboadela o municipio que acolla este importante evento e continuar a apostar polo deporte no noso concello”.

O evento contará coa participación de “máis de 120 deportistas procedentes de 16 clubs das catro provincias galegas”, dixo Rubén Batán, quen explicou que se celebrarán “tres probas diferentes de Kickboxing: point fighting, light contact e no contact, en todas as súas categorías e pesos, tanto masculino como feminino, e de idades comprendidas entre os 3 e os 9 anos en probas sen contacto, e ata os 40 anos en probas con contacto”.

Asemade, Rubén Batán adiantou que será un evento atractivo porque “estaremos varios campións galegos presentes ultimando a nosa preparación para o Campionato de España que se celebrará a vindeira semana en Benidorm”.

A programación comezará ás 9.30 horas coa recepción de equipos e, ás 10.00 horas, pesarán aos participantes. As eliminatorias terán lugar de 11.00 e 13.00 horas para continuar, ás 16.00 horas, coas semifinais e finais. A entrega de premios celebrarase ás 19.00 horas. A entrada para asistir a este evento deportivo será gratuíta.