Muíños acolle a primeira proba de obstáculos nocturna que se celebra en España

Organizada polo Inorde, co apoio da Deputación de Ourense, a “Gladiator Race Vía Nova”, dispútase o vindeiro sábado no complexo deportivo do Corgo, coa participación de máis de 600 deportistas.

Manuel Baltar destacou hoxe na presentación a colaboración público-privada que fai posible a organización desta proba, “que marcará un antes e un despois no ámbito dos deportes de aventura”.

O complexo deportivo do Corgo, en Muíños, acollerá o vindeiro sábado, 29 de setembro, a primeira proba de obstáculos nocturna que se celebra en España: a “Gladiator Race Vía Nova”, un evento deportivo que, segundo destacou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación, “é posible grazas á colaboración público-privada, unha actividade que marcará un antes e un despois no ámbito dos deportes de aventura”. Baltar estivo acompañado na presentación polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o director xerente de Caldaria, Javier Soto; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; o director de Qualite Sport, Serafín Martínez, e o xerente de Mitsubishi-Tar, Juan López.

O presidente do goberno provincial dixo que a participación prevista nesta proba —máis de 600 deportistas de todas as idades— “fala do éxito e da singularidade desta atraínte modalidade deportiva, que conta en Muíños cunhas excelentes instalacións para a súa práctica”, e subliñou “a liña estratéxica” que está a desenvolver a Deputación de Ourense co ecosistema de turismo deportivo, “unha marca que presentamos en Fitur, que non existe noutra provincia e que permite a Ourense proxectarse como un espazo único para a práctica de deportes de alta competición”.

Manuel Baltar remarcou o labor da Deputación de Ourense impulsando o binomio deporte-turismo e citou como exemplo os canón de innovación na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda; o centro de adestramento de remo en Laias, Arnoia e Castrelo de Miño (Cerlac) -no que se dan cita seleccións nacionais para preparar campionatos do mundo e olimpíadas-, e as instalacións e a contorna natural de Muíños e da Baixa Limia, onde recentemente se disputou a marcha cicloturista “Strade Termal”.

“Preparemos Ourense para cando chegue a alta velocidade, que nos colocará a pouco máis de dúas horas de Madrid; esta provincia que é o territorio europeo con maior capacidade e potencial en augas mineiro-medicinais. É o que estamos a facer desde a Deputación de Ourense con concellos como o de Muíños para promover e difundir as excelencias da nosa provincia”, afirmou Manuel Baltar.

A “Gladiator Race Vía Nova” terá lugar no circuíto permanente máis grande de Galicia, unha instalación que impulsou o Inorde e que conta con 10 obstáculos onde se poden realizar exercicios ao aire libre de maneira gratuíta durante todo o ano no complexo deportivo do Corgo. A proba consta de 6 quilómetros de obstáculos nos que os participantes terán que reptar, superar muros, cargar pesos e pasar unha liña de 20 metros de colchonetas sobre a auga.

Previamente á proba principal terá lugar ás 19.30 horas a celebración da “Gladiator Race Kids”, onde nenos de 4 a 12 anos realizarán un circuíto adaptado ás súas idades. A partir das 22.00 horas terá lugar a “Gladiator Race Vía Nova”, con saídas de 100 corredores cada 15 minutos. Prevese a participación de máis de 600 corredores, procedentes de toda Galicia e outra comunidades autónomas, así como do norte de Portugal.