Medio cento de piragüistas disputarán entre Ourense e Castrelo de Miño unha das tres etapas da Gold River Race de longa distancia

Na presentación da regata, no Club Náutico de Castrelo, o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, destacou o “compromiso institucional” cos organizadores, que queren converter esta cita “nunha proba de referencia no calendario internacional e promocionar o río Miño como actor imprescindible do piragüismo”.

Do 13 ao 15 de maio, os participantes nesta segunda edición atravesarán Galicia de norte a sur a través do río Miño, cunha etapa ourensá de 30 quilómetros que partirá da ponte romana na capital e chegará ao Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, pasando polo tramo do río que discorre polos concellos de Toén e Cenlle.

A segunda edición da Gold River Race de piragüismo, na que participarán medio cento de deportistas que do 13 ao 15 de maio atravesarán Galicia de norte a sur a través do río Miño, disputará en Ourense unha das tres etapas das que consta esta regata de longa distancia. Será un percorrido de 30 quilómetros que partirá da ponte romana na capital e chegará ao Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, pasando polo tramo do río que discorre polos concellos de Toén e Cenlle.

A regata foi presentada esta mañá nas instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño nun acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, que valorou positivamente “a ilusión dos organizadores -clubs náuticos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra- por converter esta regata nunha proba de referencia no calendario internacional de longa distancia, así como promocionar o río Miño como un referente no deporte do piragüismo”.

“Cando as cousas saen ben unha vez adoitan consolidarse no tempo” subliñou o vicepresidente, e tralo éxito do pasado ano “hoxe asistimos á presentación dunha nova edición que conta cun compromiso institucional moi claro por parte da Deputación”. Tamén colabora nesta regata a Xunta de Galicia, a través do Xacobeo, representada no acto polo delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén.

Acompañado polo tenente alcalde de Ourense, Armando Ojea, e os alcaldes de Toén e Cenlle, Ricardo González e José Manuel Rodríguez, o rexedor de Castrelo de Miño e anfitrión, Avelino Pazos, destacou a dureza dunha proba “que reunirá aos mellores piragüistas nunha auténtica aventura de tres días”, lanzando ademais unha mensaxe “de cooperación e man tendida co resto de concellos da comarca do Ribeiro para que tamén se sintan representados no Parque Náutico de Galicia”.

Competición en modalidade K2 con tripulación masculina e feminina

No acto desta mañá tamén interviñeron o director de zona de Abanca en Ourense, Carlos Díez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; Brandán Fombellida en representación da empresa patrocinadora Vanguard e do resto de firmas que colaboran na proba; e a presidenta do Club Marítimo de Vigo, Zulema Prado, que detallou algúns aspectos dunha regata na que se darán cita medio cento de piragüistas na modalidade K2 con tripulación masculina e feminina, ademais de incorporar nesta edición as categorías máster e gran máster.

A Gold River Race de 2022 ten unha lonxitude total de 100 quilómetros divididos en tres etapas. O día 13 disputarase a primeira proba entre Lugo e o encoro de Belesar con 50 quilómetros, pasando por Portomarín e Taboada. Ao día seguinte celebrarase a etapa entre Ourense e Castrelo de Miño. No terceiro e último día, os deportistas partirán da praia fluvial de Selas, en Crecente, pasando por Arbo, As Neves e con remate en Salvaterra do Miño.