Manuel Baltar recibe ao subcampión junior de ciclocross, Iván Feijóo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a Iván Feijóo, o ciclista ourensán que ven de gañar a medalla de prata no campionato de España júnior de ciclocross, celebrado este mes de xaneiro en Torrelavega. Manuel Baltar felicitou ao ciclista ourensán pola súa traxectoria deportiva e desexoulle que continúe a lograr éxitos na copa do mundo e no mundial, as probas deportivas nas que participará proximamente porque “os seus éxitos deportivos serán os de Ourense”.

Tamén estiveron presentes na xuntanza o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González e o adestrador do Club Ciclista Maceda, Xulio Conde.

O pasado mes de decembro, Iván Feijóo gañou a Copa de España de Ciclocross en Valencia. O ciclista, natural de Maceda, leva sete anos gañando e acadando primeiras marcas nas probas nas que participa, dende que entrou na Escola José Antonio Hermida para pasar a formar parte do Club Ciclista Maceda Academia Postal Actyon.