Manuel Baltar recibe ao campión europeo de Kick boxing, Manuel Míguez Escudero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Pazo Provincial, ao ourensán Manuel Míguez Escudero, quen ven de lograr o título europeo de Kick boxing neoprofesional na categoría de menos de 63.5 quilos, disputado na localidade portuguesa de Mirandela, contra o local, Flavio Conde.

Manuel Baltar dixo que a Deputación de Ourense “quere recoñecer, a través da entrega dunha distinción, o traballo que hai detrás dun campionato e de toda unha vida dedicada desde moi pequeno, á práctica do deporte”.

O presidente da Deputación de Ourense destacou que Manuel Míguez Escudero é “unha persoa xoven, próxima a cumprir os 24 anos, polo que aínda lle queda unha longa carreira por diante, e xa demostrou durante estes poucos anos que é unha firme realidade do deporte mundial, o cal supón que posiciona a “Marca Ourense” no panorama deportivo en competicións de alto nivel, unha das liñas argumentais do Plan “Ourense 15-19″, que é o deporte de elite”.

Tamén estiveron presentes na xuntanza o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González e o pai do campión europeo de Kick boxing, Manuel Míguez, “tamén campión e que situou a Ourense no mapa do deporte internacional en repetidas ocasións”, salientou Manuel Baltar.