A Deputación de Ourense destinará unha axuda de 4.000 euros a este equipo, único de fútbol feminino da provincia que conta con 54 xogadoras, de entre 8 e 26 anos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a catro xogadoras da base do único equipo de fútbol feminino da provincia, o “Escuela de fútbol feminino Rosalía”, que estiveron acompañadas polo presidente do Club, Mario Gómez; e pola adestradora do equipo, Alba Rodríguez. Na reunión, o presidente do goberno provincial comprometeu unha axuda da institución provincial de 4.000 euros, para colaborar cos gastos de funcionamento deste club durante a tempada 2018/2019 e analizáronse futuras liñas de colaboración.
“Escuela de fútbol feminino Rosalía” conta actualmente con 54 xogadoras de entre 8 e 26 anos, das cales unicamente tres delas son maiores de idade. O Club pasa a formar parte, desde hoxe, á ONG “Common Goal” integrada por futbolistas e equipos de fútbol que se comprometen a doar o 1% dos seus soldos e presupostos a esta entidade, para levar a cabo iniciativas solidarias e humanitarias nos países que máis o necesitan. “Con esta adhesión o “Escuela de fútbol feminino Rosalía” pasa a ser o primeiro Club de toda España e o primeiro Club feminino de Europa, adherido a este proxecto solidario”, destacou Mario Gómez na xuntanza. Na ONG “Common Goal” están futbolistas recoñecidos como Juan Mata, xogador do Manchester City e Vero Boquete, futbolista galega que actualmente xoga nun equipo en Shangai.
Na xuntanza tamén estiveron a deputada provincial de Transparencia, Montserrat Lama, e o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González.