O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á deportista de Castrelo de Miño Ainhoa García Rodríguez, quen vén de proclamarse a pasada fin de semana campioa junior no Open de España, celebrado en Vila Real (Castellón). Na recepción, na que tamén participou o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, o presidente do goberno provincial felicitou á deportista polo éxito acadado e animouna a continuar na súa destacada traxectoria no mundo do taekwondo.
Ainhoa García, nada no ano 2004, conta cun moi salientable currículo, sendo en tres ocasións campioa de España de clubs (2016, 2017 e 2018) e campioa de España en 2018, así como campioa de Europa de clubs en 2018 e campioa de Galicia en 2017 e 2018, ademais de campioa nos Open de Holanda, President Cups de Alemaña e Polonia, e campioa coa selección española en Mónaco, sendo seleccionada para entrar no Centro de Alto Rendemento.