O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á árbitra ourensá de fútbol Zulema González, quen vén de ascender á 1ª División Feminina de España. O presidente do goberno provincial felicitouna polos éxitos acadados na súa carreira deportiva, destacando a traxectoria que ten desenvolvido paso a paso desde as categorías inferiores ata acadar o máximo nivel na arbitraxe do fútbol feminino. Zulema González González (Ourense, 1992) foi xa a primeira árbitra galega en categoría nacional. Ascendeu este ano á máxima categoría do fútbol feminino español, logrando unha das vinte prazas para arbitrar na Liga Iberdrola, campionato de fútbol feminino de 1ª División, cuxos partidos na vindeira tempada estarán dirixidos exclusivamente por mulleres, e que ata o de agora eran arbitrados por colexiados masculinos de 2ª División B. Zulema González quedou en segunda posición entre todas as colexiadas presentadas de España, un total de 46 aspirantes. Na recepción de hoxe na Deputación a colexiada estivo acompañada polo delegado do Comité técnico de árbitros en Ourense, Claudio Cerdeira.
Comunicación
Actualidade