O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo provincial ao presidente do Club Ourense Baloncesto, Camilo Álvarez, co que analizou a situación actual do equipo tralos resultados deportivos da tempada que acaba de rematar, así como as expectativas que neste momento existen polo que respecta á categoría na que militará o COB na próxima competición.
Manuel Baltar expresou a Camilo Álvarez o “compromiso inquebrantable da Deputación co club, non só na nosa condición de accionistas, senón tamén polo seu labor como embaixadores deportivos de Ourense por toda España”. Nesta liña engadiu que a institución provincial “seguirá a dar o seu apoio ao club para que o primeiro equipo desenvolva a súa actividade”, sen deixar de destacar “o traballo de canteira que se está a facer coas escolas de baloncesto, nun proxecto deportivo que ten que ser o espello onde se miren as xogadoras e os xogadores máis novos da provincia”.