O presidente da Deputación de Ourense destacou “o compromiso e sacrificio” destes deportistas e o seus adestradores afirmando: “Cando eles triunfan tamén triunfa Ourense”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a ximnastas e técnicos dos clubs “As Burgas” e “Ximnasia Pavillón”, a quen felicitou polos éxitos acadados nas competicións que teñen participado, tanto no que atinxe a modalidades individuais como por equipos.
O presidente do goberno provincial destacou “o compromiso e o sacrificio que supón para estes mozos e mozas dedicar moitas horas do día ao labor do deporte”, e agradeceulles o seu traballo tanto a eles como aos técnicos e tamén as súas familias, que apoian en todo momento aos protagonistas destas fermosas páxinas de éxito que están a inscribir na historia da nosa provincia, porque o máis importante que temos é o deporte e o futuro, algo que vós representades perfectamente”, afirmou Manuel Baltar.
A recepción tivo lugar no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, acto no que Manuel Baltar estivo acompañado polo asesor de Deportes da institución provincial, Bernardino González, quen felicitou tamén a deportistas e técnicos “polos logros acadados ao longo destes anos” nas diferentes modalidades nas que teñen participado: minitramp, trampolín e dobreminitramp.
“Cando vós competides, compite Ourense –afirmou Baltar-, e para nós é un orgullo recibirvos na Casa de todos ourensáns”, expresou o presidente, agardando que nun futuro “poidamos seguir celebrando os vosos éxitos, que serán os de todas as persoas que na nosa provincia admiramos os valores que representa o deporte”.