Manuel Baltar defende en Linz (Austria) a capacidade organizativa de Ourense para acoller en 2022 a Coupe de la Jeunesse de remo

A decidida aposta pola promoción internacional das láminas de auga do río Miño, as novas instalacións das que se disporá para a práctica desta modalidade, a estratéxica situación da provincia en materia de comunicacións, a dispoñibilidade de prazas hoteleiras e o elevado interese turístico do territorio constitúen os eixos da candidatura que o presidente da Deputación de Ourense defendeu hoxe para que o Parque Náutico de Castrelo de Miño acolla a principios de agosto do próximo ano esta prestixiosa proba internacional.

Baltar encabezou a delegación que esta fin de semana acudiu á localidade austríaca, onde se está a celebrar a regata de 2021 coa participación de máis de 500 deportistas en representación de 16 países, “o que nos permite coñecer en directo e polo miúdo a organización e desenvolvemento da proba, pero sobre todo demostrar o interese que Ourense ten en acoller a próxima edición”. 

A decidida aposta pola promoción internacional das láminas de auga do río Miño para o deporte do remo, as novas instalacións das que se disporá para a práctica desta modalidade deportiva, a estratéxica situación da provincia en materia de comunicacións, a dispoñibilidade de prazas hoteleiras e o elevado interese turístico do territorio cos seus recursos naturais e patrimoniais constitúen os eixos da candidatura que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe en Linz (Austria) para que o Parque Náutico de Castrelo de Miño acolla a principios de agosto de 2022 a máis prestixiosa proba internacional de remo: a Coupe de la Jeunesse.

Manuel Baltar encabezou a delegación integrada pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, e os representantes de Caldaria Hoteles e da empresa náutica Xouva, Vincent Boyer e José Manuel Ballesteros, que esta fin de semana acudiron á localidade austríaca, onde se está a celebrar a regata de 2021 coa participación de máis de 500 deportistas en representación de 16 países. Unha visita, dixo Baltar, “que nos permite coñecer en directo e polo miúdo a organización e desenvolvemento da proba, pero sobre todo demostrar o interese que Ourense ten en acoller a próxima edición”.

Ante os máximos dirixentes da Coupe de la Jeunesse, que fixeron unha moi positiva valoración da candidatura ourensá, o presidente provincial defendeu a capacidade organizativa e o compromiso da Deputación de Ourense co Parque Náutico de Castrelo de Miño, onde en colaboración co concello e coas federacións galega e nacional, “estamos situando a este espazo como o escenario perfecto para a práctica do remo e do piragüismo, tanto en España como no resto de Europa”.

Baltar significou que o río Miño e tanto as instalacións de Castrelo como de Laias e Arnoia, “foron escollidas polas mellores seleccións nacionais para preparar nas nosas láminas de auga os diferentes campionatos internacionais e mesmo as Olimpíadas, o que da perfecta conta do traballo que estamos a realizar. Un labor que exemplificou no próximo investimento de 576.000 euros, xa consignados nos orzamentos da Deputación, para instalar unha pista de remo que dotará ao complexo de Castrelo de Miño cun campo de regatas de categoría internacional, con oito liñas de competición, instalacións de primeiro nivel para os xuíces, balizas conforme ás normas internacionais, oficinas para o comité de regatas ou canles de circulación segura para a navegación. “Unhas novas instalacións que suporán unha importante mellora tanto a nivel funcional como operativo e técnico, reforzando a condición do parque náutico de Castrelo de Miño non só como referente nacional, senón tamén como unhas instalacións punteiras a nivel internacional”, remarcou.

Entre as principais liñas da candidatura, Manuel Baltar tamén destacou “a importante mellora estratéxica que en materia de comunicacións experimentará Ourense coa chegada do AVE, pero tamén a súa proximidade a outras terminais aéreas, a unha hora de distancia dos tres aeroportos galegos ou a hora e media de Porto, o que garante a conectividade”. Pero ademais, dixo, “somos un territorio coa necesaria capacidade hoteleira e con importantísimos recursos naturais, termais e patrimoniais que sitúan á provincia de Ourense nun significado nivel de interese turístico”. Un conxunto de factores, destacou, “de enorme importancia para acoller a máis de 500 deportistas, os seus acompañantes e aos membros da organización, aos que debemos brindar a mellor das estancias”.

A candidatura ourensá para a celebración desta prestixiosa proba internacional foi elaborada conxuntamente pola Deputación de Ourense, a través do Inorde, e pola Federación Española de Remo, sendo aprobada por unanimidade na asemblea que os países membros da Coupe de la Jeunesse celebraron na localidade irlandesa de Cork en xullo de 2018.

Prevista inicialmente para este ano, a pandemia da Covid-19 obrigou a modificar o calendario das probas para garantir en todo momento a seguridade dos deportistas, do público e da organización, de tal xeito que o Parque Náutico de Castrelo de Miño acollerá esta competición en 2022 e Amsterdam en 2023.

A Coupe de la Jeunesse, con categoría de Campionato de Europa, é unha competición de remo internacional que se celebra anualmente coa participación de deportistas masculinos e femininos de idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos. Creado en 1985, nesta proba participan ata 16 países europeos, entre eles España que acollerá por segunda vez este evento deportivo.