Menú
Pechar

Manuel Baltar cualifica á Escola de Ciclismo de Maceda como “o espello da promoción e fomento do deporte no ámbito nacional”

O presidente provincial, que visitou hoxe as instalacións do club, confirmou que a Deputación “seguirá apostando cun novo investimento por un centro de referencia en España que ten dado nomes relevantes para o ciclismo”, citando a Carlos Canal, que participa na presente edición de La Vuelta a España, e Ane Santesteban, que nuns días competirá na “Ceratizit Challenge”, a carreira feminina máis importante do calendario internacional e na que terá un protagonismo especial a estación de montaña de Manzaneda.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe as instalacións da Escola de Ciclismo de Maceda, un centro de adestramento que cualificou como “o espello da promoción e fomento do deporte no ámbito nacional”, e onde confirmou que a Deputación “seguirá apostando cun novo investimento por un espazo de referencia en España que ten dado nomes relevantes para o ciclismo”, citando a Carlos Canal, que participa na presente edición de La Vuelta a España, e Ane Santesteban, que nuns días competirá na “Ceratizit Challenge”, a carreira feminina máis importante do calendario internacional e na que terá un protagonismo especial a estación de montaña de Manzaneda.

Acompañado polo alcalde de Maceda, Rubén Quintas, e o director e impulsor da escola, Xulio Conde, o presidente provincial amosou a súa satisfacción polo resultado das reformas executadas nas instalacións, únicas cubertas en España e que contan cun “biciparque” e un “Pump Track” o circuíto de saltos e peraltes, ambos os dous situados en senllas naves cedidas polo concello e nas que adestran máis de 70 ciclistas de todas as categorías. Baltar anunciou alí que a Deputación vai seguir apostando por esta escola, agora cun investimento de preto de 39.000 euros destinado á reforma das cubertas e a instalación de elementos de seguridade.

Antes de visitar o circuíto ao aire libre habilitado nun área natural fronte ao castelo, o presidente da Deputación tamén coñeceu outras das iniciativas do club, como é a creación dun museo no que se expoñen algúns dos “maillot” de campión de José Antonio Hermida, o ciclista oriúndo de Maceda e medalla de prata en Atenas 2004 que dá nome á escola, así como tamén fotos antigas e trofeos obtidos polos membros dun club cuxa historia comezou en 1969.

“Nunha terra que ten unha roda como emblema, a roda de afiar, o ciclismo xoga un papel importantísimo no ecosistema deportivo que estamos a crear na provincia”, dixo Baltar subliñando o protagonismo que Ourense, e máis en concreto a estación de Montaña de Manzaneda, vai ter a partir do 2 de setembro coa disputa de tres das catro etapas da “Ceratizit Challenge by La Vuelta 21”, a carreira máis importante do calendario World Tour Feminino. Unha proba na que vai participar a ciclista Ane Santesteban, tamén presente na visita e que acaba de competir nos Xogos Olímpicos de Tokio. Afincada en Maceda desde hai cinco anos, Santesteban eloxiou o traballo da escola e unhas instalacións “que nunca vi nos moitos lugares onde adestrei e competín”.