Manuel Baltar confirma que a “Vuelta” a España estará na provincia de Ourense en 2020

O presidente da Deputación de Ourense reuniuse hoxe no Pazo Provincial co director xeral da proba ciclista, Javier Guillén, para analizar o que será “un novo éxito de promoción internacional da nosa provincia vencellado ao deporte e ao turismo”, expresou Baltar.

Guillén salientou a “excelente relación da Vuelta coa Deputación de Ourense, engadindo: “Somos uns namorados da Ribeira Sacra e sempre que poidamos trataremos de situala no percorrido”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou hoxe que a “Vuelta” a España, a proba ciclista máis importante do mundo xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia estará novamente na provincia de Ourense, no ano 2020, como xa o fixera en 2016, 2017 e 2018.

Baltar reuniuse hoxe no Pazo Provincial co director xeral da proba ciclista, Javier Guillén, para analizar o que será “un novo éxito de promoción internacional da nosa provincia vencellado ao deporte e ao turismo”, expresou o presidente, salientando que este foi un dos seus anuncios no pasado Debate sobre o estado da provincia, e subliñou que a fonda relación de Ourense con esta competición “fixo que aquí comezara unha das edicións, que se chamou “Ourense Termal-Madrid, e desde aquela, retornou a Vuelta concretamente á Ribeira Sacra, en vésperas de que en 2021 este espazo sexa declarado Patrimonio Mundial pola Unesco”. “A reunión de hoxe –expresou Baltar- serviu para apuntalar todas estas cuestións, que vislumbran que no ano 2020 teremos unha etapa importante na provincia de Ourense, na que a Ribeira Sacra volverá a ter un destacado protagonismo, algo que nos ten levado a esas cifras históricas de turismo na nosa provincia, tendo a Ribeira Sacra como obxectivo dos visitantes en moitos casos”.

Manuel Baltar, quen agradeceu a presenza de Javier Guillén dixo que estes datos tan positivos no ámbito do turismo para a provincia de Ourense “débense en gran medida á proxección mediática e ao que representa a Vuelta, así como ao seguimento que se fai desta proba ciclista”, con millóns de espectadores e unha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas.

Pola súa banda, o director xeral da Vuelta salientou a “excelente relación da Vuelta coa Deputación de Ourense, e proba diso é que sempre que esta proba ten ocasión de vir a Galicia, unha das paradas obrigatorias é a provincia de Ourense”. Javier Guillén explicou que a presentación da Vuelta 2020 terá lugar o vindeiro 17 de decembro. “Somos uns namorados da Ribeira Sacra e sempre que poidamos trataremos de situala no percorrido, e con elo colaboramos á promoción deste territorio, que ten un grande atractivo deportivo”.