O complexo turístico do Corgo, no Concello de Muíños, acollerá o domingo, día 27, a segunda regata da Copa Deputación de piragüismo. A proba, que comezará ás 11 horas no encoro das Conchas, reunirá a 113 piragüistas -68 nenos e 45 nenas- de ata 16 anos nas categorías incluídas no programa Xogade da Xunta de Galicia, é dicir, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete.
Logo da primeira proba disputada en Barra de Miño (Coles), esta é a segunda das oito regatas que este ano se celebrarán na Copa Deputación, estando prevista para o 18 de xullo a terceira das competicións en Castrelo de Miño.