Máis de cen xinetes, no Campionato Galego de Doma Clásica, que se celebra en Ourense

Manuel Baltar presentou hoxe esta proba deportiva xunto a directivos hípicos da federación galega, do Club Vilamarín e da Asociación empresarial de actividades ecuestres.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado do presidente do Club Hípico Vilamarín, José Luis Lema; o vogal de doma clásica da Federación Galega de Hípica, Jorge Vázquez, e o presidente da Asociación empresarial de actividades ecuestres de Ourense, José Manuel Díaz, presentou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a XVIII edición do Campionato Galego de Doma Clásica, unha proba deportiva que se celebrará os vindeiros días 21, 22 e 23 de xullo na Escola de Equitación de Vilamarín, evento no que se prevé a participación de máis de cen xinetes e amazonas de Galicia e Castela-León. Nestas xornadas tamén se celebrará unha proba nacional de menores, a partir dos 9 anos, puntuable para o Campionato de España.

Manuel Baltar destacou que este evento “sitúa a Ourense no centro da doma clásica en Galicia”, e agradeceu “a capacidade para presentar esta candidatura e para acoller esta proba”. Pola súa banda, o presidente da Asociación empresarial de actividades ecuestres de Ourense destacou a importancia económica desta actividade deportiva, “polo que supón de ocupación de prazas hoteleiras de deportistas e acompañantes la capital ourensá e na contorna de Vilamarín, visitantes que proceden das outras provincias galegas, Castela-León e o norte de Portugal”, afirmou José Manuel Díaz.

Jorge Vázquez destacou a calidade das instalacións hípicas de Vilamarín, “homologadas e en condicións óptimas para o desenvolvemento desta proba “, mentres que José Luis Lema expresou o seu agradecemento “ás institucións e entidades colaboradoras que fan posible a organización e realización do campionato”.

A provincia de Ourense conta na actualidade con 350 licencias federativas hípicas e preto de 1.800 afeccionados a esta disciplina deportiva. No campionato que se disputa a vindeira fin de semana o 45 % dos participantes son da provincia de Ourense, e nas probas por equipos a provincia ourensá é a que máis integrantes achega, con 8 equipos.