Esta proba deportiva organizada pola asociación Anedia co apoio da Deputación de Ourense e do Concello do Pereiro de Aguiar, conmemora o centenario do descubrimento da insulina que permitiu un avance crucial no tratamento desta doenza.
O vindeiro domingo, 30 de xaneiro, daranse cita máis de 400 deportistas na proba deportiva I trail do Pereiro e andaina “Ruta Sicenata Pacata”, organizada pola asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes, Anedia, coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello do Pereiro de Aguiar. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou a deputada provincial de Políticas Sociais, Reto Demográfico e Igualdade, Luz Doporto; o alcalde do Pereiro, Luis Menor; a secretaria de Aneida, Elisa López; e o responsable técnico da proba, Olivier Reboredo.
Este evento deportivo, de carácter solidario, organízase “con motivo da conmemoración da aplicación da primeira dose de insulina”, lembrou Luz Doporto, quen remarcou a importancia da cooperación institucional para levar a cabo eventos desta índole propostos por entidades sociais que fan un loable traballo por diferentes causas na nosa provincia. Grazas a este avance científico, a diabetes tipo 1 pasou de ser unha doenza mortal a ser unha enfermidade crónica, e miles de persoas conseguiron ter un futuro.
Neste mesmo sentido, Luis Menor, que manifestou que era “unha honra que escolleran o municipio do Pereiro para a organización deste primer trail e andaina solidaria porque as cuestión sociais e de solidariedade son absolutamente prioritarias”, afirmou que a máxima do seu municipio é que “as persoas son o primeiro”. Ademais do fin solidario da proba, o alcalde amosouse encantado de que a xente poida coñecer o territorio do Pereiro de Aguiar a través deste evento lembrando que desde o Concello se fixo “unha aposta moi firme polo medio natural, polas actividades ao aire libre e gracias a esta organización, conseguimos ser a primeira sede desta liga de probas e poñer a disposición da veciñanza e dos visitantes, os máis de 50 km de rutas de sendeirismo do concello”.
De feito, esta proba transcorrerá por unha destas novas rutas incorporadas que está situada nas ladeiras do rio Miño, percorrendo camiños tradicionais e sendeiros entre densas carballeiras e pequenos regatos. O municipio pretende, con esta rede de rutas, poñer en valor os importantes valores epigráficos que ten, destacando singularmente a denominada “Pedra das Letras” que contén a inscrición “Sicenata Pacata”, a que Ferro Couselo e outros especialistas vincularon coa conquista destas terras por parte do exército romano.
Desde a asociación Anedia agradeceron o apoio institucional para “converter esta idea en proxecto” que nace con vocación de permanencia para poder dar a coñecer a Anedia e “que as familias teñan un punto de referencia aquí en Ourense”.
O trail conta cun percorrido de 17 km cun desnivel aproximado de 900 m positivos, mentres que a andaina será de 7 km. Que percorrerán unha distancia de 17 km con preto de 900 m positivos de desnivel no trail e 7 km na andaina. Ambas probas organizadas para o día 30 de xaneiro, a carreira e a andaina, terá a súa saída e a súa chegada no campo de fútbol de O Medo–Vilariño (Pereiro de Aguiar).
“Debido a elevada inscrición que temos, 425, recomendamos que a xente acuda ao Ponte Vella o sábado, 29 de xaneiro, a recoller os seus dorsais a partir das 11.30 horas, para evitar aglomeracións iniciais ao comezo da proba”, sinalou Olivier Reboredo.