Máis de 400 ciclistas daranse cita na 8ª edición de “Parroira-Bike” no Concello de A Merca

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o vindeiro domingo, 14 de maio.

A Asociación Ciclista Endoureiros e o Concello de A Merca organizan a oitava edición do roteiro “Parroira-Bike” que terá lugar o vindeiro domingo, 14 de maio, na que participarán 420 ciclistas. A presentación desta proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o  vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernandez; o concelleiro de Deportes da Merca, José Manuel Taín; o tesoureiro, o vogal e o socio da Asociación Ciclista Endoureiros, Rubén Álvarez, Alberto Taín e Alejandro Cid, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva que comezará ás 8.30 horas no pavillón municipal de A Merca. A ruta conta cun percorrido de 45 quilómetros “por camiños, sendeiros e corredoiras dos concellos de A Merca e Allariz e, unha vez máis, o Río Arnoia volve ser o protagonista en distintos tramos da proba que atravesará tamén a Reserva da Biosfera na área de Allariz e subirá ao Monte de Penamá”, explicou Rosendo Fernández, quen destacou que se trata dunha proba que aglutina “deporte e natureza e que supón unha gran oportunidade para dar a coñecer o noso patrimonio natural e para contribuír á dinamización dos nosos territorios a nivel paisaxístico, deportivo e natural”.

Pola súa parte, Rubén Álvarez sinalou que nesta edición “a ruta será moi técnica, cun acumulado de 1.500 metros e a maiores engadimos saltos, peraltes, pasarelas de madeira, para que sexa aínda máis técnica co ano pasado”. O concelleiro de Deportes da Merca agradeceu á Asociación Ciclista Endoureiros que “escollera, un ano máis, o municipio de A Merca, para desenvolver esta proba deportiva consolidada e que conta cun potente nivel competitivo”.