Máis de 300 deportistas participarán os vindeiros 7 e 8 de decembro en Boborás no Campionato de España de Mushing Terra (carreira de trineos tirados por cans), un evento co que colabora a Deputación de Ourense e que hoxe se presentou no Pazo Provincial coa participación de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Miguel Barreto, presidente da Federación Galega de Deportes de Inverno; Patricia Torres, alcaldesa de Boborás; Marcelino Fernández, delegado técnico da Federación Española de Deportes de Inverno; Roberto Salvado, director técnico do campionato, e Manuel Pérez, xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense.
A proba, “que contribúe a dinamizar e promocionar o territorio a través desta actividade deportiva cada vez máis practicada”, segundo afirmou Rosendo Fernández, disputarase sobre tres percorridos de 5,7, 4,2 e 2,7 quilómetros, nas diferentes categorías, e contará con participantes de 11 comunidades autónomas, sendo Galicia o territorio que máis participantes achega, cun total de 75. Un circuíto que en opinión dos expertos “é rápido e moi esixente”, afirma Roberto Salvado, pero que conforma unha proba “que terá unha gran repercusión social e económica no noso municipio e na contorna”, expresou Patricia Torres. O campionato disputarase nas diferentes modalidade de Patín, Carro, Bikejoring e Canicross.