Máis de 30 regatistas de toda Galicia competirán na Copa Deputación de Windsurf que terá lugar esta fin de semana en Castrelo de Miño

Os deportistas participantes, dun total de 7 clubs galegos, disputarán probas durante os días 19 e 20 de agosto nas modalidades de “Formula Foil”, “Raceboard”, “Techno 293” e “Escuela”.

O evento deportivo foi presentado na Deputación e contou coa presenza do deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a presidenta do C.N. Castrelo de Miño, Beatriz Alberte; e o secretario da clase windsurf en Galicia e técnico do C.N. Castrelo de Miño, Simón Fernández.

O Club Náutico de Castrelo de Miño acollerá esta fin de semana a Copa Deputación de Windsurf, onde competirán máis de 30 regatistas pertencentes a 7 clubs de toda Galicia. As modalidades deportivas nas que disputarán as diferentes probas serán as de “Formula foil”, “Raceboard”, “Techno 293” e “Escuela”.

Por primeira vez disputarase o Campionato Galego de Formula Foil en Castrelo de Miño, coa participación de 11 deportistas entre os que destacan Juan Vieito, Nacho Fernández e Lucas Maceiras do RCN Rodeira de Cangas; e o de Castrelo de Miño, Nicolás Blanco, sen esquecer aos máis veteranos, Juan Parada ou Fran Robleda. En categoría feminina destaca a regatista do C.N. Castrelo de Miño, Enar Cibreiro.

En Raceboard o nivel tamén será alto ao contar coa presenza do subcampión mundial 2023, Jorge Maciel, do CV Praia de Oza. E en Techno 293 estarán os mellores da canteira galega e nacional como Lidia Pousa, do CN de Cangas, que vén de participar no Campionato do Mundo sub-15.

As probas disputaranse o venres 18 de agosto a partir das 18.30 horas e o sábado, día 19 de agosto, a partir das 13.00 horas. se o vento acompaña. A entrega de premios está prevista para o sábado ás 21.00 horas.

O evento deportivo foi presentado na sala de prensa da Deputación e contou coa presenza do deputado provincial delegado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a presidenta do C.N. Castrelo de Miño, Beatriz Alberte; e o secretario da clase windsurf en Galicia e técnico do C.N. Castrelo de Miño, Simón Fernández.