Máis de 250 deportistas con discapacidade intelectual participan nos 22º Xogos Autonómicos de Fútbol Sala

O evento, organizado por Special Olympics Galicia co apoio da Deputación de Ourense, terá lugar o vindeiro sábado no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

Máis de 250 deportistas con discapacidade intelectual daranse cita o vindeiro sábado, 21 de outubro, no Pazo dos Deportes “Paco Paz” da Deputación de Ourense, na celebración dos 22º Xogos Autonómicos de Fútbol Sala, Trofeo “Carlos Outeiriño”. O evento, organizado por Special Olympics Galicia, conta co apoio da Deputación de Ourense, xunto co Concello de Ourense e Fademga, e promovido pola Asociación As Burgas.

Ao redor de 400 deportistas, adestradores e integrantes de 21 asociacións de toda Galicia, ademais de medio cento de voluntarios “farán realidade unha vez máis a máxima da solidariedade e a cooperación unidas en torno ao deporte”, expresou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacou “o acertado do lema desta edición: “Quero gañar, mais se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”, un lema que abrangue o espírito desta xornada que ten como obxectivos a convivencia, dar máis visibilidade aos deportistas con discapacidade, e contribuír a eliminar barreiras”.

Rosendo Fernández estivo acompañado na presentación do evento –hoxe, no Pazo Provincial-, polo presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o presidente da Asociación As Burgas, Antonio Rincón; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede, e o deportista ourensán Pablo Puente, quen remarcou a importancia de eventos como este, “que axudan á inclusión das persoas con discapacidade intelectual para que poidan demostrar a súa valía por medio do deporte”.

A xornada desenvolverase no “Paco Paz” entre as 10.45 e as 19.00 horas, e nela participarán deportistas das catro provincias galegas. A finalidade é a convivencia entre entidades e clubs, ademais de promover a práctica deportiva nas persoas con discapacidade intelectual de Galicia.