Máis de 150 persoas daranse cita na IV edición da andaina solidaria Ruta Porta do Canón do Sil

A ruta está organizada pola Asociación Cultural Os Xuncos e conta coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo, apostando por poñer en valor o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra.

O recadado nesta andaina irá destinado á investigación do cancro infantil e a enfermidade de Duchenne.

O vindeiro domingo 29 de maio daranse cita máis de 150 participantes na IV edición da andaina solidaria Ruta Porta do Canón do Sil. A proba está organizada pola Asociación Cultural Os Xuncos e conta coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo. O recadado na andaina irá destinado á investigación do cancro infantil e a enfermidade de Duchenne.

A presentación desta proba tivo lugar esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez; a presidenta da Asociación Cultural Os Xuncos, María Alonso; o director técnico da proba, Javier Garrido, e o organizador da andaina, Manuel Garrido.

A andaina, destinada para públicos maiores de 18 anos e menores acompañados, está deseñada para que os participantes poidan descubrir o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra. Terá o seu punto de partida no emblemático Mosteiro de Santa María e rematará no mesmo punto.

Existen dúas posibles rutas na proba, a máis curta, duns 9 quilómetros, terá o seu percorrido integramente no concello de Xunqueira de Espadanedo, conta cun desnivel positivo/positivo de 205 metros, unha altitude máxima de 809 metros e unha altitude mínima de 622 metros e un “trailrank” 8. Por outra banda, a ruta de maior lonxitude, 17 quilómetros, contará no miradoiro de Eirado cun área de avituallamento para cubrir posibles necesidades das persoas participantes. A ruta presenta unha dificultade media, cun desnivel positivo / positivo de 619 metros, altitude máxima de 1.161 metros e unha mínima de 676 metros e un “trailrank” 19.

As inscricións estarán abertas ata o día 24 de maio -o prezo é de 12 euros- poderán realizarse no Concello de Xunqueira de Espadanedo de forma presencial ou a través da súa plataforma web.