Os organizadores do evento presentáronlle hoxe, no Pazo Provincial, ao vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, os detalles desta cita deportiva, fase final da Copa Deputación de Kickboxing 2023.
O 1º Trofeo Kickboxing “Terras de Aguiar”, evento deportivo co que colabora a Deputación de Ourense, reunirá o vindeiro sábado, 7 de outubro, no pavillón municipal de O Pereiro de Aguiar, a máis de 100 deportistas procedentes de 12 clubs de toda Galicia, con idades comprendidas entre os 5 e 55 anos. Os organizadores da proba explicáronlle hoxe, no Pazo Provincial, ao vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Deportes, César Fernández, os detalles deste evento deportivo.
Na xuntanza, estiveron o concelleiro de Deportes do Pereiro de Aguiar, Francisco González; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Federación Galega de Kickboxing, Cipri Gomes; o organizador da proba, Rubén Batán; e o técnico do xefe de servizo de Deportes do Pereiro de Aguiar, Sergio Vázquez.
O vicepresidente segundo da Deputación felicitou aos organizadores da proba por propoñer un evento destas características que “fomenta o turismo familiar” e actúa como “dinamizador social e económico do territorio”. O trofeo, fase final da Copa Deputación de Kickboxing 2023, pretende consolidarse como un referente dentro do calendario deportivo da Federación.
O evento, organizado polo Club Escolas Deportivas Nogueira de Ramuín e supervisado pola Federación Galega de Kickboxing e Muaythai, comezará o sábado ás 9.00 horas a competición que finalizará ás 14.00 horas coa entrega de medallas.