Luis Menor, na Gala +Deporte: “Desde Ourense pódese facer deporte e promover deporte”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou na gala de premios +Deporte, organizada polo xornal La Región, onde entregou o galardón ao mellor equipo absoluto, que recaeu no Club Athlos de bádminton.

Menor fecilitou ao clube e ao resto de finalistas polo seu “espírito deportista”.

O presidente provincial sinalou que o deporte “é vida, é saúde, tanto física como mental, un aspecto, este último, ao que nestes tempos hai que prestar máis atención”.

Ademais, lembrou a firme aposta da Deputación polo deporte, a través de axudas como as concedidas a deportistas individuais, as Copas Deputación, aos clubes ou ás asociacións e concellos.

Tamén destacou actividades de fomento como o EsquiOU, que este ano supera por primeira vez a barreira das mil prazas para que nenos da provincia poidan aprender a esquiar en Manzaneda, a única estación de montaña de Galicia. Ademáis, destacou Menor, esta edicion reafirma o compromiso de inclusión social ao reservar prazas para menores con discapacidade.

“Dende Ourense pódese facer deporte e promover deporte, as administracións non temos que ser problema, senón máis ben solución”, engadiu Menor.