O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantiveron hoxe unha xuntanza no Pazo Provincial na que revisaron as actuacións que a Xunta de Galicia está a realizar na provincia, algunhas das cales tamén contan co apoio da Deputación.
No encontro tamén participaron o director da Área de Deportes da Deputación, Marcos Vázquez; o asesor de Deportes da Deputación, Quique Álvarez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o xefe do servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez.
Entre os asuntos tratados figuran os investimentos máis importantes que en materia de infraestruturas deportivas realizou o Goberno galego en Ourense, como os preto de 2 millóns de euros no pavillón dos Remedios, ou os case 3 millóns da remodelación do campo de fútbol do Couto. Cara o futuro avanzouse sobre o compromiso de construción e mellora de seis campos de fútbol na provincia, ademais de atender ás demandas formuladas por diversos concellos.
Menor e Lete tamén abordaron o proxecto do parque acuático de Monterrei, cuxa primeira fase, en colaboración coa Deputación, aproxímase aos 10 millóns de euros e que entrará en servizo o próximo 20 de xuño. Falouse ademais da execución da segunda e terceira fase para rematar o proxecto, traballos que quedarán reflectidos nun convenio de colaboración que asinarán a Xunta e maila Deputación.