Luis Menor anima a fomentar “a práctica deportiva e o valor do traballo en equipo” na Gala de Nadal do Pazo Paco Paz

O Pazo dos Deportes Paco Paz acolleu esta tarde o evento no que participaron 250 rapaces e rapazas das  escolas deportivas da Deputación, aos que invitou o presidente provincial a seguir “divertíndovos, facendo bos amigos e invertindo en saúde para o voso presente e o voso futuro”.

As  escolas deportivas da Deputación celebraron esta tarde a súa tradicional Gala de Nadal 2023 no recinto do Pazo dos Deportes Paco Paz. Así, 250 rapaces e rapazas amosaron as súas destrezas nas disciplinas de fútbol sala (para cativos e maiores), básquet, tenis de mesa, psicomotricidade, ximnasia rítmica, acrobática, rítmica individual, zumba (kids e junior), artes marciais e remo indoor.

O presidente provincial, Luis Menor, valorou “a importancia do deporte base, porque poucas cousas hai máis importantes que fomentar a práctica deportiva dende idades temperás, o traballo en equipo, a obtención de valores e o desenvolvemento persoal. O Deporte é saúde, e sabémolo moi ben na Deputación”. Por iso, o presidente da Deputación agradeceulle ao persoal do Servizo de Deportes “por dar o mellor de si para seguir enchendo de Deporte e Saúde a nosa provincia ano tras ano”.

Do mesmo xeito, Menor animou aos participantes nas Escolas Deportivas a continuar practicando deporte, pois “divertídesvos, facedes bos amigos e invertides en saúde para o voso presente e o voso futuro. E crédeme que non hai nada máis importante na vida que iso, pois a práctica deportiva axuda e moito a ser felices”. E abundou o presidente provincial en que “se todo o que vos digo xa é importante, imaxinádevos que vos digo que aquí comenzaron a súa carreira deportistas que hoxe son os mellores do mundo nas súas disciplinas… E poño como exemplo a Melania Rodríguez”, campiona do mundo en doble minitramp que comezou a practicar a ximnasia precisamente nestas escolas deportivas.

A gala rematou con agasallos para todos os participantes e a visita de Papá Noel.