EsquiOU 2023 bota a andar coa participación dos nenos da Baixa Limia-Terras de Celanova

Desde a Estación de Montaña de Manzaneda resaltan que “os cativos desta quenda completaron entre o luns e este mércores un programa no que puideron esquiar grazas á neve artificial proporcionada polos canóns”.

Este luns, día 23 de xaneiro, arrincou o programa deportivo EsquiOU 2023, realizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Estación de Montaña de Manzaneda. Esta edición conta con 735 prazas divididas en sete quendas para os nenos nacidos entre o 1 de xaneiro do 2011 e o 31 de decembro do 2014, distribuídos por criterios xeográficos para lograr a homoxeneidade dos grupos.

A primeira quenda que está a desfrutar estes días do programa deportivo é a da Baixa Limia e Terras de Celanova. Desde a Estación de Montaña de Manzaneda resaltan que “os nenos están desfrutando moito desta experiencia e están moi ledos de aprender a esquiar e de realizar o resto de actividades do programa. Os cativos desta quenda comezaron cun programa que se prolongará ata este mércores, sendo posible esquiar grazas á neve artificial que nos proporcionan os canóns”.

A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores e incluíndo aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e as demais actividades complementarias lúdico-deportivas (sendeirismo, natación, tiro con arco…).

A orde de quendas a partir de agora será: Comarcas do Ribeiro e O Carballiño, do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro; Verín–Viana, do 6 ao 8 de febreiro; Valdeorras do 13 ao 15 de febreiro; Ourense do 20 ao 22 de febreiro; Allariz-Maceda-A Limia, do 27 ao 1 de marzo; e finalmente do 6 ao 8 de marzo será a rolda dos nenos de Terra de Caldelas-Terra de Trives.