Dúas rutas de 58 e 32 quilómetros, na III Marcha BTT de Cualedro

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o domingo, 30 de setembro.

O Concello de Cualedro acollerá o vindeiro domingo, 30 de setembro, a terceira edición da súa Marcha BTT que ofrecerá aos participantes dous posibles percorridos, unha ruta longa de 58 quilómetros de dificultade media-alta, e unha ruta curta de 32 quilómetros de dificultade media-baixa. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; e o secretario do Club BTT Verín, José Carlos Cabido.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que “contribúe a dinamizar o noso rural e pon en valor a riqueza natural deste municipio”, sinalou Rosendo Fernández, quen lembrou que este tipo de iniciativas “dan a coñecer as potencialidades da nosa provincia, ademais de fomentar a práctica do deporte”.

O alcalde do Cualedro, que agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, explicou que é unha BTT que “está a ter moita aceptación, non só de xente da comarca de Monterrei, senón tamén do país veciño, Portugal” e lembrou que na pasada edición participaron “220 persoas, e este ano xa están inscritos 100 participantes, aínda que esperamos superar os 200 como o ano pasado”. Asemade, Luciano Rivero incidiu na importancia de desenvolver este tipo de eventos que “potencian o turismo e moven a economía local do municipio”.

A saída da proba será ás 9.30 horas desde a praza do Concello. A maior parte do percorrido da proba discorre por camiños rurais e forestais, existindo tamén cruces con tramos de estradas porque pasará por diferentes localidades do municipio. “Ambas rutas serán cronometradas con sistema chip para que os corredores poidan coñecer os seus tempos, aínda que a proba é de carácter non competitivo”, sinalou José Carlos Cabido.

Os interesados en participar poderán formalizar a súa inscrición, ata o día 27 de setembro, no portal Sportmaniacs, sendo o prezo da inscrición de 15 euros que inclúe a participación na ruta con xantar, 12 euros para os acompañantes, e 5 euros a ruta sen xantar.