Dous percorridos para coñecer Cualedro en bicicleta de montaña

A “II Marcha-BTT” do municipio, que terá lugar o día 1 de outubro, ofrece aos participantes unha ruta de 55 quilómetros e outra de 31 quilómetros.

O Concello de Cualedro prepárase para acoller a “II Marcha-BTT”, un evento deportivo que terá lugar o día 1 de outubro e no que os participantes poderán coñecer este municipio en bicicleta de montaña a través de dúas posibles rutas: unha de 55 quilómetros de dificultade media-alta, e outra de 31 quilómetros de dificultade media-baixa. A presentación desta proba deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; o vicepresidente do Club BTT Verín, David da Costa; o colaborador do Concello de Cualedro, Marcos Meno; e o responsable de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a contribución que fan este tipo de probas “na dinamización do territorio e na posta en valor da riqueza paisaxística do municipio de Cualedro a través do deporte”. Asemade Rosendo Fernández dixo que a Deputación de Ourense colabora con eventos deste tipo que “dan a coñecer as potencialidades da nosa provincia e fomentan a práctica do deporte e o respecto pola natureza”.

O alcalde do Larouco, que agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, explicou que con estas iniciativas “pretendemos dar a coñecer os nosos recursos turísticos e paisaxísticos”, e engadiu, “o obxectivos desta ruta é potenciar o mercado local, os produtos da comarca e incentivar o deporte na veciñanza e en todos aqueles que queiran vir a acompañarnos”.

O vicepresidente do Club BTT Verín recalcou que a proba “non ten carácter competitivo, está deseñada como unha marcha de velocidade libre”. A saída da proba será ás 9.30 horas.

Os interesados en participar poderán anotarse por un custe de 15 euros que inclúe a participación na ruta e o xantar, 12 euros para os acompañantes, e para participar só na ruta o custe é de 5 euros. As inscricións poden formalizarse na páxina web www.bttverin.com ou a través dos números de teléfono 988-424-004 ou no 639-960-345, tendo de prazo ata o día 27 de setembro. “O ano pasado participaron 160 persoas, cifra que esperamos manter tamén nesta segunda edición”, sinalou Marcos Meno.

Pola súa parte, Manuel Alfonso dixo que o día da proba haberá “21 voluntarios que velarán pola seguridade do evento procedentes de Protección Civil Cualedro-Monterrei, Laza e Verín” e incidiu na importancia de que todos “respecten as normas da competición”.