“Desafío Iter Querquennae” mesturará deporte, natureza e gastronomía

Baixo este lema, o Concello de Bande acollerá dúas probas deportivas, a IX Andaina e o II Trail, que se celebrarán o vindeiro domingo, 7 de agosto.

O “Desafío Iter Querquennae” acollerá dúas probas deportivas o vindeiro domingo, 7 de agosto, no Concello de Bande, concretamente a IX edición da Andaina e a II edición do Trail. A presentación desta cita deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; a tenente de alcalde de Bande, Sandra Quintas; e o monitor deportivo do Concello de Bande, Jorge Vázquez.

Juan Anta destacou o traballo que realiza o Concello de Bande “por levar a cabo iniciativas que apostan polo rural desde o punto de vista do deporte, da gastronomía e da paisaxe, aspectos que van vencellados a este tipo de actividades”. Asemade animou a todo o mundo a participar “nesta tradicional andaina e no trail, que tralo éxito acadado o ano pasado, volve coa súa segunda edición”, dixo o deputado provincial de Deportes.

A andaina conta cun percorrido de 19 quilómetros, mentres que o do trail será de 22 quilómetros, aínda que o traxecto de ambas competicións é “moi similar, coa diferenza de que o Trail conta coa dificultade dos cortalumes, pero non supón unha proba extremadamente dura. Os 10 primeiros quilómetros do trail son de dureza media, a partir de aí vén a dureza extrema durante un quilómetro e medio de cortalumes case vertical, e e desde aí ata o quilómetro 22, o percorrido permitirá gozar da paisaxe e do entorno”, explicou Jorge Vázquez.

Esta II edición do Trail presenta como novidade que os participantes poidan competir “de maneira individual como por equipos formados por catro persoas cunha muller como mínimo, os cales completarían os 22 quilómetros todos, e posteriormente, sumaríase o tempo dos catro compoñentes do equipo, e o que menos tempo faga sería o gañador. Asemade poderán competir por parellas, que lles permitirá non ter que facer o percorrido enteiro, senón que un deles realizará os 11 primeiros quilómetros, despois pasaríalle o testigo ao seu compañeiro, e este completaría os outros 11 quilómetros”, destacou o monitor deportivo do Concello de Bande.

A saída da andaina será ás 9.00 horas e, a do trail, ás 10.00 horas. Os interesados en participar “poderán inscribirse ata media hora antes da saída de cada proba, aínda que os participantes que compitan por equipos ou por parellas, deberán estar establecidos o vindeiro venres”, dixo Jorge Vázquez. As inscricións poderán realizarse na páxina webwww.championchipnorte.com, ou a través do número de teléfono 650.959.784, cun custe de 7 euros a andaina e de 9 euros o trail, “ata o momento hai máis de 80 persoas anotadas para a andaina e 90 persoas no trail, aínda que esperamos superar os 260 participantes do ano pasado”, engadiu o monitor deportivo do Concello de Bande.

En canto aos trofeos que simbolizan a lanza romana “están orientados a riqueza do noso entorno e son obra do escultor Toño Monteiro”, explicou Jorge Vázquez.

Pola súa banda, Sandra Quintas asegurou que esta iniciativa é “unha mostra máis do compromiso do Concello de Bande, co deporte. E, este ano, baixo o lema “Desafío Iter Querquennae”, sempre facendo referencia ao noso patrimonio máis ben prezado, desenvolveremos un evento que se vai consolidando ano tras ano, mostra diso é o aumento no número de participantes”. Ambas probas deportivas permitirán que “a xente se achegue ao noso magnífico, e ás veces tan descoñecido rural”, engadiu a tenente de alcalde de Bande.