Deporte, música e gastronomía, actividades do XI Día Termal da Chavasqueira 2017

A celebración, organizada pola Asociación de Veciños A Chavasqueira, celebrarase o día 27 de maio.

A Asociación de Veciños A Chavasqueira volve, un ano máis, celebrar o Día Termal da Chavasqueira 2017, que nesta undécima edición, organiza diversas actividades deportivas e musicais. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o presidente e o secretario da Asociación de Veciños A Chavasqueira, Amancio Rodríguez e Manuel Pérez, respectivamente.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta xuntanza veciñal ofrece “unha serie de actividades que poñen en valor un dos nosos principais atractivos turísticos a través dunha andaina que percorre a zona termal ourensá e cunha conferencia sobre o termalismo”.

Amancio Rodríguez explicou que esta andaina termal é “unha das primeiras actividades da nosa asociacións que decidimos poñer en marcha porque así nos solicitaba moita xente e sempre tivo moita aceptación”. Pola súa parte, o secretario da Asociación de Veciños A Chavasqueira, quen agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense por “apoiar sempre o termalismo”, dixo que esta actividade comezara “no ano 2005 e cada ano vai a máis”

O programa de actividades comezará ás 10.30 horas coa XI andaina Termal que sairá das termas da Chavasqueira. Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 26 de maio no local social do Campo da Feira da Asociación ou a través das súas redes sociais.

As actividades continuarán ás 13.00 horas, cunha conferencia sobre termalismo e, ás 14.30 horas, será a comida popular na que se poden inscribir ata o 24 de maio. Despois do xantar comezarán as actuacións musicais a cargo das Cantareiras da Chavasqueira e dun grupo musical para rematar a xornada cun sorteo termal.